|
NARRATIVA
* CASAL, Uxía. Vidas
ejemplares. Xerais, 2006 (relatos)
Ulises, un excursionista extraviado no
bosque, sente tres arrepíos, que lle impiden articular
palabra, cando coñece a tres anciáns que padecen
unha condena insoportable... Un estraño engado percorrre
o xardín do Pazo de Galdán des que alí
apareceu o corpo de dona Arminda... Nai e filla deambulan
pola tenda baixo a atenta mirada da dependenta, que observa
sen disimulo os gustos tan dispares das dúas mulleres
... Aquel condutor tiña un problema, freara o coche
en seco e saltara correndo cara os servizos do bar coma se
o perseguise unha fera rabiosa... A vida de Héctor
e da súa compañeira mudou cando a iguana chegou
á súa casa... Vinte e un relatos de medo e intriga,
protagonizados por seres tan extraordinarios como trastornados.
* EISENBERG,
Deborah. El ocaso de los superhéroes. Leqtor,
2006 (relatos)
A autora describe de xeito penetrante
o que significou para Estados Unidos o día en que os
“avións atacaron, rachando o pano daquela mañán
azul de setembro, deixando ao descuberto o escuro mundo que
había xusto ao seu lado” , tema do conto que
da nome á presente colección. A terrible impresión
que nos produce rexistrar o paso do tempo, a valentía
dunha muller maltratada que secuestra ao fillo do maltratador,
a absurda complexidade dos vínculos familiares (incluso
para quen decidiu rompelos) son temas que Eisemberg desenvolve
cunha técnica narrativa depurada, feita elipses e sobreentendidos,
e cunha forte capacidade para mirar as cousas de fronte.
* GIMENEZ BARTLETT,
Alicia. Días de amor y engaños. Planeta,
2006 (novela)
Unha rutina sosegada marca a vida de
catro matrimonios na colonia de enxeñeiros dunha empresa
española no estranxeiro. Os homes pasan a semana nas
instalacións da obra e só se reúnen coas
súas donas as fins de semana. Sen embargo a convivencia
da pequena comunidade desmoróase tras desvelarse a
relación que mantivo un dos enxeñeiros coa esposa
doutro. En poucos días, todo o fráxil, entramado
de complicidades, de pequenas hipocresías e desexos
contados dos membros da colonia virase abaixo e sairá
así á superficie un mundo de sexo, enganos e
soños por moito tempo incumpridos.
* GOMEZ, Lupe.
Quero bailar. 2006
Para Lupe Gómez vivir é
escribir, escribir é vivir. Quero bailar é a
expresión máis íntima e fonda desa manifestación
única, absorbente e total da súa existencia.
Ofrécenos aquí unha obra que é como un
diario esgazador, cheo de misterio, de inconformismo e de
violencia artística, de baile –tal como ela chama
ao acto da creación artística e vital- e de
crítica radical.
* GUERRA, Wendy.
Todos se van. Bruguera, 2006 (novela)
I Premio de Novela Bruguera
Relato en forma de diario persoal, que abarca dos oito aos
vinte anos de Nieve Guerra. Todos se van conta a infancia
e adolescencia da protagonista e, á súa vez,
mostra a vida da Cuba actual sen prexuízos de ningún
tipo. Crónica, pois, dunha experiencia individual e
tamén reflexo da realidade cubana, esta primeira obra
narrativa da cubana Wendy Guerra non emite condeas nin está
contaminada de tópicos costumistas nin ideolóxicos.
* LEVY, Andrea.
Pequeña isla. Anagrama, 2006 (novela)
Premio Whitbread, Premio Orange e
Premio Write’s Commonwealth.
No inverno de 1948, durante unha difícil posguerra,
Hortense, unha nova mestra xamaicana, desembarca en Southampton
para reunirse con Gilbert, o seu marido, tamén de Xamaica
e tamén negro. Gilbert combatiu na RAF e quere estudar
Dereito en Inglaterra. Ambos soñaban con Londres, o
centro do imperio, se non do mundo, e estaban desesperados
por abandoar a súa “pequena illa”. E agora
comeza para eles unha nova vida. Alugan unha habitación
en casa de Queenie, a filla dun carniceiro que tamén
soñaba con Londres, e que, como Hortense, utilizou
o seu casamento para fuxir da súa abafante provincia.
Pero Bernard, o seu marido, combatente na India e desmovilizado
fai dous anos, desapareceu misteriosamente, e Queenie sobrevive
alugando habitacións na súa casa de Earrls Court.
Moi pronto, todos eles descubrirán que a guerra rematou
pero que as batallas da vida cotiá poden ser moi duras...
* PIÑON,
Nélida. A casa da paixón. Galaxia, 2006.
(novela)
Marta, orfa de nai desde o seu nacemento,
é criada pola súa vella ama e mais polo sei
pai, un home celoso que se sente incestuosamente atraído
pola filla... Publicada en Brasil en 1972, A casa da paixón,
obtivo o Premio Mário de Andrade da Associaçao
de Críticos de Arte de Sào Paulo ao mellor libro
de ficción.
* RESTREPO, Laura.
Dulce compañía. Alfaguara, 2006 (novela)
Premio Sor Juana Inés de la
Cruz en Guadalajara e Premio Prix France Cultura en Francia
á mellor novela estranxeira.
A reporteira dunha revista de frivolidades é enviada
polo seu xefe a cubrir a aparición dun anxo nunha das
barriadas máis pobres da cidade.Emprende a tarefa a
regañadentes porque a teñen sen coidado os asuntos
relixiosos e a aburre un tema tan manido, e nin sequera sospeita
ata que punto vaise ver involucrada nunha brutal cadea de
acontecementos que escaparán ao seu control e á
súa racionalidade. ¿Quen é e de onde
ven o suposto anxo, ese rapaz perplexo e de asombrosa beleza
a quen a fe dos habitantes do barrio mantén pechado
nunha cova?...
* REIMONDEZ,
María. O club da calceta. Xerais, 2006 (novela)
Seis mulleres moi diferentes entre si
acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas
frustracións pero, tamén, un lugar onde toman
conciencia da súa situación e da necesidade
de superala. A través dun espazo tradicionalmente tan
feminino como a calceta, María Reimondez dálles
voz a estas mulleres que desde as súas diferentas atopan
no valor da unidade a forza para sobrepoñerense a un
presente que as nega ou minusvalora.
* SANZ, Marta.
Susana y los viejos. Destino, 2006 (novela)
Finalista Premio Nadal 2006.
Unha muller fermosa percorre coa lingua o corpo dun ancián
postrado nunha cama. Alguén contemplaos e, a partir
dese momento, un microcosmos familiar muta, radicalízase
e pode chegar a quebrarse. Non importan as razóns da
muller, senón as consecuencias derivadas da súa
acción. Amores e desamores, paixóns e odios
marcan un xogo de espellos no que a autora desvela a fráxil
fronteira das convencións e entra de cheo nas confrontacións
xeracionais, sexuais e de clase, deixando ao descuberto os
lugares comúns da nosa dobre moral. Esta é unha
novela coral que se vertebra en torno a tres xeraciós
de homes e mulleres. Mulleres que os homes das súas
vidas só saben ver a través do filtro dun estereotipo
ao que elas non se cinguen: son libres, racionais e extremadamente
civilizadas, tanto que para sobrevivir, teñen que comportarse
a veces dun modo salvaxe que rexeita os panos quentes e o
lavado de cicatrices.
* SEIFFERT,
Rachel. Trabajo de campo. Alpha Decay, 2006 (relatos)
Seleccionada pola revista Granta como
unha das mellores novas novelistas británicas, Rachel
Seiffert realiza, nesta colección de relatos, estudos
independentes de peronaxes que, dun xeito diverso, resistense
a ser só pasivos ou a recibir as consecuencias de actos
alleos.
* LOPEZ SILVA,
Inma. Non quero ser Doris Day. Biblos, 2006 (novela)
O texto é unha comedia. Pero tamén
o berro case desesperado da súa protagonista, a escritora
Greta López. O libro desenvólvese nun París
accidentado cheo de personaxes delirantes nos que dá
cunha nova maneira de vivir. Polo medio, o enredo, o misterio
e, sobre todo, o gozo absoluto da vida en soidade e da liberdade
total. En Non quero ser Doris Day, esa escritora que queda
ágrafa para as novelas, ao final, pasa todo o tempo
escribindo. Coma se fose unha especialista, e de paso que
lles vai contando a súa andaina, Greta adícase
a aleccionar por correo sobre a vida e sobre o amor ás
amigas que deixou, deseñando unha sorte de psicoterapia
aloucada na que a risa e a casualidade converten a vida, seguramente,
na mellor aventura posible.
* TOLSTAYA, Natalia.
En busca de la armonía y otros relatos. Siglo
XXI , 2006 (relatos)
Nestes relatos directos, escritos nun
estilo realista, premeditadamente despoxado de todo ornamento,
a narradora perfila un retrato do seu tempo por medio das
diversas protagonistas, todas elas mulleres sensibles e dotadas
dun talante irónico que brota da súa intelixencia
e da súa sabiduría práctica. A autora
traza un percorrido por escenas soltas da vida destes personaxes
femininos que van construíndo un cadro e unha visión
agridoce do que foi a URSS e comeza a ser a nova Rusia. Rotos
os moldes, os arquetipos e as ideas herdadas do pasado soviético
xurde unha mirada entre burlona e sobria sobre o mundo; sobre
o pasado, os homes, os fillos, os colegas, os amores, os estranxeiros,
sobre a vida que pasa...
* UGRESIC, Dubravka.
El Ministerio del Dolor. Anagrama, 2006 (novela)
Tanja Lucic- profesora croata exiliada
da antiga Iugoslavia a comenzo da guerra que fragmentaría
este país en varios estados- comparte coa maioría
dos seus alumnos de lingua e literatura serbocroata na Universidade
de Amsterdam que se viron obrigados a exiliarse, o amargo
recordo dun país inexistente, a dramática vivencia
dunha guerra e a desorientación vital do desarraigo.
Lucic decide entón obviar o programa docente e emprender
unha sorte de terapia de grupo para tentar superar o duro
golpe emocional causado pola imposibilidade do retorno a casa
e a perda de identidade. O exercicio de nostalxia colectiva
pasará a ser un duro e catártico proceso de
reconstrución vital do que Lucic non sairá ilesa.
* ULITSKAYA,
Liudmila. Sinceramente suyo, Shúrik. Anagrama,
2006 (novela)
Premio á mellor novela do
ano (Rusia, 2004).
Shúrik Korn é un moderno casanova baixo a apariencia
de rapaz de boa familia moscovita. Orfo de pai dende o berce,
a súa educación corre a cargo da súa
enérxica avoa (unha profesora de francés), e
a súa débil nai, unha actriz fracasada á
que unha fraxilidade de alma e propensión a exaltarse
a sitúan nun segundo plano no marco dese triángulo
familiar. Avoa e nai inculcan a Shúrik o sentido da
abnegación e o amor ao próximo, que en Shúrik
traducirase nunha extrana desviación: “Nel, compaixón
e desexo conflúen nun mesmo punto”. Esta é
a historia de Shúrik Korn pero tamén a dunha
saga familiar –fálase de catro xeracións
dunha familia rusa dende comezos ata finais do século
XX- e sobre todo a da colección de amantes que se arremuíñan
arredor de Shúrik, mulleres de idades e extraccións
sociais diversas.
POESÍA
* CEBREIRO, María
do. Os hemisferios. Dombate, 2006
Escrito para que as peroas entren nos
poemas, Os hemisferios concebiuse para entender, por iso tamén
é unha pregunta. Árbores e planetas, terra e
ceo, lúa e sol crean o acubillo no que se gorecen as
voces. A palabra, a fala e os falares relacionan directamente
a poesía co que está fóra dela.
* MARIÑO,
María. Obra completa. Xerais, 2006
Letras Galegas 2007.
A obra poética de María Mariño –a
única coñecida até o de agora- é
unha das máis singulares e persoais de toda a poesía
galega de posguerra.
Resulta especialmente sorprendente pola destrución
que realiza da linguaxe, sobre todo no plano da sintaxe, co
fin de lograr a máxima forza expresiva para a comunicación
das súas vivencias máis íntimas, feito
que levou a Uxío Novoreyra a cualificala como “dinamiteira
da fala”.
* MORENO, María
Victoria. Elexías de luz. Xerais, 2006 (poesía)
María Victoria Moreno (1941-2005)
sentíase fascinada pola poesía e era quen de
trasmitir esa paixón recitando poesías de corrido.
Elexías de luz foi escrito nos últimos anos
e agora publicado póstumamente. A última parte
é o poemario en que María Victoria estaba a
traballar antes da súa morte e por iso consérvase
tal e como ela o deixou.
* VEIGA, Eva.
Desconcerto. Biblos, 2006 (poesía)
Desconcerto
é, segundo a autora, "un espazo de liberdade como
é en xeral toda a poesía non obstante a xente
en xeral marxina un pouco este xénero literario, polo
que encaixou moi ben nun lugar onde os que residen tamén
son considerados marxinados pola sociedade". Engadiu
a autora que "a poesía está en todos e
podo asegurar que se atopa no máis profundo da nosa
vida. É unha forma de contar a nosa verdade".
Tucho Calvo dixo que na lectura do libro, lido apresuradamente
sen renunciar a profundizar nos contidos, a intensidade dos
seus versos acaba por crear unha enorme tensión. O
editor sinalou que hai poemas como moitos dos que se recollen
aquí que teñen tal capacidade de remexer nos
arquivos da miña mente, de desencadear tal cúmulo
de reflexións, lembranzas e sensacións, que
debo dosificar o pracer dese xogo esgotador. O poemario foi
presentado no cárcere de Teixeiro, segundo a autora:
"porque creo que os escritores debemos de levar as obras
aos lugares máis marxinados destes eventos. Existen
xa demasiado sitios institucionais, tanto públicos
como privados, nos que é costume facelas presentacións
e eu quero fuxir un pouco deles porque penso que a literatura,
e máis concretamente a poesía, debe ser patrimonio
de todos".
ARTE e BIOGRAFÍAS
* BOLLMANN. Las
mujeres, que leen, son peligrosas. Maeva, 2006
Dende Rembrant ata Hopper, pasando por
Matisse, Manet ou Casas, a arte e a fotografía tiveron
no motivo da muller lendo unha fonte inesgotable de inspiración
e beleza. Este libro, cheo de delicadeza, percorre e explora
estas imaxes, á vez íntimas e suxerentes, e
trata de explicar tamén o que hai detrás delas.
Cada imaxe vai acompañada dun comentario que explica
o contexto no que foi creada: quen é a lectora, a súa
relación co artista e o texto que está lendo.
* COMBALÍA,
Victoria. Amazonas con pincel. Destino, 2006
Este libro propón un percorrido
pola vida e a obra das grandes mulleres artistas dende o século
XVI ao século XXI. Vidas en moitos casos novelescas,
apaixoadas e apaixonantes, dunhas mulleres que como artistas
foron en demasiadas ocasións marxinadas, despreciadas
e esquecidas e que tiveron que loitar contra circunstancias
adversas. A peripecia vital destas mulleres adiantadas ao
seu tempo permite descubrir a evolución do papel da
muller na sociedade ao longo dos séculos e a abraiante
aportación á historia destas “amazonas
con pincel”.
* GALÁN,
Diego. Pilar Miró: nadie me enseñó
a vivir. Plaza y Janés, 2006
A partir de documentos da propia Pilar
Miró e da testemuña daqueles que a rodearon,
Diego Galán escribiu a biografía dunha muller
que non deixou indiferente a ninguén. Pilar Miró
viviu nun mundo de homes, no que conseguiu alcanzar un poder
que moitos lle criticaron e outros non lle perdoaron nunca.
Pioneira en TVE, directora de cine, teatro e ópera,
nai solteira, muller obstinada e valente, sufriu dúas
operacións a corazón aberto, foi sometida a
un proceso militar por El crimen de Cuenca e, anos máis
tarde, vilipendiada por presunta malversación de fondos
públicos. Personaxe significativo na recente historia
de España, mantivo relacións con destacadas
figuras do mundo político e cultural, o que permite
a este libro dar conta de xugosas anécdotas.
* GANZ, Nicholas.
Graffiti Mujer: arte urbano de los cinco continentes.
Ed. Gustavo Gili, 2006
Este libro é unha homenaxe ás
mulleres artistas do graffiti en todo o mundo. Reúne
a obra de máis de 125 mulleres, entre as que se atopan
algunhas de recoñecido prestixio internacional e xunto
con elas, unha ampla galaxia de prometedoras artistas. Con
comentarios das propias autoras e textos introdutorios da
artista americana Swoon e da autora Nancy Macdonald.
* LAFUENTE, Isaías.
La mujer olvidada: Clara Campoamor y su lucha por el voto
femenino. Temas de hoy, 2006 (biografía novelada)
Un libro sobre o debate que houbo en
España fai 75 años sobre o dereito de voto da
muller. Fai xa 75 años que a muller conseguiu o dereito
a votar; exactamente o 1 de outubro aprobouse no Congreso
dos Deputados o sufraxio universal. Unha peza fundamental
neste proceso foi Clara Campoamor. Escrito de xeito novelado,
en primeira persoa, Isaías Lafuente relata a historia
desta extraordinaria muller, deputada nas Cortes e defensora
acérrima da igualdade de dereitos das mulleres. Clara
Campoamor naceu a finais do século XIX. Ao quedarse
orfa de pai, tivo que poñerse a traballar e abandoar
os seus estudos. Os retomou aos 32 anos e levoulle un decenio
acabar a carreira de Dereito, abrir o seu bufete de avogada
e conquerir un escaño como diputada. Foi a primeira
muller que falou no Parlamento español.
*
MAZZUCCO, Melania G. Ella, tan amada. Anagrama, 2006
(biografía novelada)
Premio Napoli e Premio Vottorini.
Escritora, arqueóloga, fotógrafa, xornalista
e viaxeira, Annemarie Schwarzenbach é unha muller sempre
á espera e sempre fuxindo do seu turbador paraíso
perdido. Unha muller que non cesa de buscar palabras para
os seus libros, imaxes para as súas reportaxes, mulleres
ás que seducir, homes aos que enfeitizar. Soidade e
coraxe para escapar dun papel que a ataba, dunha rica familia
de industriais, de fatal xogo de espellos coa nai Renée.
Amores nos que anularse e, unha e outra vez, poñer
en xaque ao equilibrio. Hoxe, a fascinación enigmática
que suscita esta vida irregular e brevísima (1908-1942),
consumada sobre o fondo da cosmopolita sociedade literaria
dos anos trinta, xurde transfigurada no retrato visionario
que Melania Mazzucco lle adica, a medio camiño entre
a realidade e a ficción, entre fantasía e documento
histórico, un relato salpicado de cartas e diarios
para evocar a imaxe imborrable da súa Annemarie Schwarzenbach.
|