Guía de lectura. Verán 2007
 
Volver

PREPARA A TÚA MALETA...

...CON LIBROS DE MULLERES

NOVIDADES LITERARIAS DE MULLERES

Verán 2007

(Selección elaborada pola Biblioteca-Centro de documentación Alecrín)

 


NARRATIVA

  • BARCELÓ, Elia. Corazón de tango. 451 editores, 2007 (novela)

Bos Aires. Unha moza emigrante española, un italiano na busca de fortuna, un mariñeiro de orixe alemá…, un baile que embebeda, o brillo do metal dun coitelo e o sangue ao fin. Bela e fantasmal, nunha milonga dalgunha cidade de Europa, unha muller seduce co seu baile a un home para despois desaparecer deixando un rastro que conduce a Bos Aires e ao pasado, a unha historia de paixón que acontece en torno a 1920. Son os tempos nos que o tango puña música á vida da cidade.

  • CARTER, Charlotte. Rapsodia en Nueva York. Siruela, 2007 (novela policíaca)

Tras un desastroso abril en París, Nanette volve á Gran Manzá na busca de traballo e calma. Pero a súa sorte muda ao recibir unha boneca de vudú, realizada pola misteriosa artista de Harlem Ida Williams. Cando Ida é asasinada a tiros no restaurante onde Nenette foi contratada para tocar, a saxofonista lánzase a investigar o escuro pasado de Ida e, sen querelo, tamén o asasinato, nunca resolto, dunha nova promesa do rap...

  • CHAUVEAU, Sophie. Botticelli, retrato en claroscuro. Edhasa, 2007 (novela histórica)

Nunha Florencia marcada polas convulsións que axitaron a cidade durante a goberno de Lorenzo O Magnífico, a capital toscana asiste á aparición dun pintor destinado a cambiar o rumbo da historia da arte, Sandro Filipepi, apodado dende moi xoven Boticello (o tonelete).
Siphie Chauveau descúbrenos aquí a intimidade e os procesos de traballo deste grande pintor: as súas relacións amorosas con Pipo; o seu enigmático enfrontamento e rivalidade con Leonardo da Vinci: a súa implicación nos enfrontamentos políticos da Florencia renacentista...

  • GRANDES, Almudena. El corazón helado. Tusquets , 2007 (novela)

O día da súa morte, Julio Carrión, prestixioso home de negocios cun poder que se remonta aos anos do franquismo, deixa aos seus fillos unha fortuna considerable pero tamén unha herdanza de sombras, con moitos puntos escuros no seu pasado. No seu enterro, o seu fillo Álvaro sorpréndese pola presencia dunha muller xoven e atractiva á que ninguén recoñece. Raquel Fernández Perea, pola súa parte, filla e neta de exiliados republicanos en Francia, coñece moi ben o pasado da súa familia, e non puido esquecer o episodio máis misterioso da súa infancia, a estraña visita na que acompañou ao seu avó, recén regresado a Madrid, a casa duns descoñecidos cos que intuiu que existía unha débeda pendente. Agora o azar fará que Álvaro Carrión e Raquel Fernández Perea se coñezan e se sintan atraídos sen remedio.

  • GUEE, Maggie. Mi asistenta. Circe, 2007 (novela)

Despois de vivir varios anos como inmigrante en Inglaterra, Mary Tendo regresa ao seu país natal, Uganda, onde agora é gobernanta dun gran hotel. Un día recibe unha carta de Vanessa Henman, a súa antiga patrona, unha escritora de mediana idade que lle envía unha súplica: o seu fillo, Justin, está sumido nunha grave depresión e só pide volver a ver á súa antiga coidadora. Mary intúe unha posibilidade de gañar diñeiro e accede a pasar unha tempada con eles para axudalo. Agora, baixo o mesmo teito, dúas xeografías, dúas culturas e dúas visións do mundo moi diferentes terán que convivir en pé de igualdade. Dúas persoas de forte carácter, terán que aprender a superar os seus prexuízos, a se coñecer e a se estimar. Unha aproximación ás relacións entre Europa e Africa a partir de dous retratos de muller.

  • GUR, Batya. Asesinato en directo. Siruela, 2007 (novela policíaca)

O cadáver dunha muller aparece nos vestiarios dos estudios da televisión israelí. O caso é adxudicado ao inspector Michael Ohayon, que emprenderá unha complicada e sanguenta investigación polos meandros das relacións, tensións, medos e amores que teñen lugar nos corredores dos estudios. En Asesinato en directo, Batya Gur elixe como escenario do crime o lugar onde se forxa a conciencia nacional, onde se mostran as tensións políticas, os enfrontamentos, a corrupción e as divisións étnicas, sociais e relixiosas que axitan o país: a televisión do Estado.

  • LÓPEZ SILVA, Inma. New York, New York. Galaxia, 2007 (novela)

Por moitas películas que vexamos e por moitas novelas que leamos, nunca se coñece de verdade Nova York ata que se vive dentro dela, no corazón, nas tripas dunha cidade que ás veces nos cospe e outras nos acubilla agarimosamente. New York, New York é un diario escrito co ritmo dos filmes norteamericanos e con banda sonora de Frank Sinatra. Inma López Silva combina realidade e ficción, toques de comedia e tons de desarraigamento. Sensacións, vivencias e ideas que transmite co senso do humor e o absurdo, coa linguaxe directa da vida que flúe polas rúas de Manhattan.

  • MAYORAL, Marina. Case perfecto. Xerais, 2007 (novela)

Un científico famoso morre en circunstancias estrañas, semellantes ás que aparecen nunha novela escrita anos atrás pola súa dona, de quen vive separado. Un dos fillos acusa á nai de ser culpable desa morte. A nai para se defender escribe unha longa carta na que analiza o papel que os distintos personaxes tiveron naquela morte. Case perfecto obriga a quen o le a tomar partido, a decidir se está asistindo ao relato dun crime “case perefcto” ou dun desgraciado suceso, produto do azar. Marina Mayoral mostra en Case perfecto a complexa trama de sentimentos que une e desune aos membros dunha familia coa que moitos lectores se sentirán identificados.

  • MOURE, Teresa. Benquerida catástrofe. Xerais, 2007 (novela)

Adam Cairbough, coincidindo coas visitas frecuentes á consulta do doutor Castiñeira para tratar os seus problemas de pel, decide separarse de Eva, a muller que ama dende que chegou a Galicia. As vidas de Adam e Eva veranse sorprendidas por un cambio inesperado, que vai derrubar todo aquilo que xulgaban estable e definir quen é cadaquén. Esta novela propón a quen le unha indagación sobre esoutro sexo que levamos dentro. A reconstrución da súa identidade sexual converte as personaxes en seres máis felices, que procuran algo que ficara oculto na cotidianidade e que rematan por descubrir ao se espiren para nós.

  • MÜLLER, Herta. En tieras bajas. Siruela, 2007 (relatos)

Este volume reúne quince relatos –localizados na súa maioría nun mundo rural inclemente, pechado e opresivo- que nos fan percorrer, trala mirada dunha nena, escenas cotiás na vida dunha pequena comunidade de ascendencia suaba. O núcleo familiar, a morte, os xogos infantís, o sexo, a igrexa e a escola, o baile...vanse plasmando cunha enganosa inxenuidade que converte a realidade nun brutal pesadelo. Por riba da anécdota a natureza imponse , incluso nas breves escenas da vida urbana, en cada unha das páxinas do libro, destilando unha intensa calidade poética coa forza das súas imaxes case oníricas.

  • PARKHURST, Carolyn. Objetos perdidos. Alafguara, 2006 (novela)

Seleccionados por unha importante cadea de televisión, doce concursantes participan nun espectacular reality show que os leva a exóticos rincóns de todo o mundo na busca de pistas para achar obxectos perdidos. Concursan por un millón de dólares someténdose ás surreslistas probas que os organizadoares prepararon e coas que pretenden facer aflorar os seus desexos e secretos máis ocultos para mostrar a súa humillación pública en horas de maior audiencia.

  • PARRELLA, Valeria. Lo que ya no recuerdo y otros cuentos. Siruela, 2007 (relatos)

Mateo sería guitarrista de rock só se deixara de gañarse a vida nunha mísera imprenta que imprime copias piratas de Siddharta e O diario de Ana Frank. Unha muller observa o acoitelamento e a posterior morte do seu home pero, paradoxicamente esa morte tráxica traeralle a posibilidade dun novo amor... Nunha Nápoles onde o mar figura moi pouco, aínda que desprenda o seu cheiro a destinos cruzados, onde se espera sempre a chegada dende Roma da policía para que manteña a orde, onde o contrabando rematou e se perdeu no norte, os protagonistas –sobre todo mulleres cos pés na terra- agasállannos com historias auténticas. Valeria Parrellla é a gran revelación da narrativa contemporánea italiana .
Premio Campiello Ópera Prima 2004 e finalista do Premio Strega 2005

  • PÉREZ REY, Mariña. Canícula. Sotelo Blanco, 2007 (novela fantástica)

O cambio climático condiciona a vida na Galicia do futuro. Os exiliados resisten as temperaturas extremas nos desertos áridos do interior, mentres os habitantes libres do andazo sobreviven en grandes plataformas flotantes no mar, afastados do territorio da enfermidade e supostamente amparados por unha sociedade perfecta. Neste reduto de civilización, os sucesos fantásticos mestúranse cos acontecementos cotiáns, facendo difícil distinguir a realidade da ficción. Os cidadáns viven sometidos ao control da Torre Aloia e o Capitán Silva loita contra o uniformismo. O fío condutor da novela é a soidade humana, alimentada polo avance da deshumanización e o silencio nun ambiente sórdido. A obsesión dos seus protagonistas é fuxir da canícula interior, do pensamento único. O seu desexo é poder sentir ao fin o recendo dunha liberdade real.
Premio Manuel Lueiro Rei de Novela Curta 2006.

  • SANTOS, Care. La muerte de Venus. Espasa, 2007 (novela de pantasmas)

Trala morte da súa tía avoa, a xoven Mónica herda o vello caserón familiar e decide instalarse nel xunto co seu compañeiro, Javier e, nun futuro próximo, coa nena da que está embarazada. Dende o comezo das obras de remodelación da casa, acontecen nela unha serie de fenómenos inexplicables: un cheiro nauseabundo que invade a sala principal, repentinas baixadas de temperatura, un gran ficus que se resitste a ser arrincado... ata que, de xeito sorprendente, aparece um busto de mármore que representa a Venus, a deusa romana do amor e que garda relación co escuro segredo que esconde o lugar. Para Mónica iníciase así unha dramática aventura que a levará a entrar en contacto cun universo paralelo. O que separa a existencia dos vivos da dos mortos e que a trasladará a unha vida anterior, nos albores da nosa era, na que se produxo um crime execrable.
Finalista Premio Primavera de Novela 2007

  • TORRES, Maruja. La amante en guerra. Planeta, 2006 (novela)

Desenvólvese aquí unha historia de amor que non se parece a ningunha outra. En Beirut e por Beirut –finalmente, despois dunha relación coa cidade de vinte anos de duración- a periodista Maruja Torres descubre o grado de ficción que altera a súa propia existencia e que non é outra cousa que a irrupción do increíble, o fascinante, o casual: o literario. Este achádego, que outros terían resolto cun ensaio, ela, como protagonista, como afectada, víveo como unha novela. Esta é unha historia de amor e de amores, e tamén o emocionado relato dunha agradecida rendición á única cidade onde se finxe e se vive sen notar a diferencia, gloriosamente. Beirut, amante, salvaxe fogar, mestra en texer lazos de sangue.

POESÍA

  • ARIAS REGO, Xiana. Ortigas. Espiral Maior , 2007

Este libro habita nos recunchos da consciencia, territorios inzados de ortigas e de herbas das ortigas. Estes poemas medraron nas estancias abandonadas da infancia dunha nena que se fixo grande e logo marchou para a cidade. Como entre as ruinas da casa vella, estas imaxes, metáforas que se fan símbolos, foron medrando entre os pensamentos da Xiana ata viriren nas palabras que enchen este volume.
XIX Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé.

  • MÉNDEZ, Oriana. Derradeiras conversas co capitán Kraft. Galaxia 2007

Irrompen as conversas co capitán Kraft de Oriana Méndez na poesía galega do século XXI. Esta obra aborda o texto poético como ferramenta de demolición da usura, como conflito sen resolver, como sinal de posta en marcha. Valéndose da ironía contra os fósiles líricos do noso tempo, a autora disecciona a experiencia da posmodernidade, abre túneis na metrópole continua que habitamos. E tensa o verso, confronta o seu sentido da beleza, profundo e inquisitivo, coa esixencia de franquear os pasos para a mobilización.

  • QUEIZÁN, Mª Xosé. Cólera. Xerais, 2007

Este libro tenta recuperar a memoria da resistencia contra o franquismo, dende mediados dos anos 60 ata mediados dos anos 70. A autora reflicte un proceso histórico que viviu e padeceu. Foron anos de conciencia ideolóxica e repersión brutal; xa que logo, non lle era posible rememorar ese terror sen ira, non podía escribilo sen cólera. Este poemario de lembranza e recoñecemento aos impulsores da conciencia política galega non sería o mesmo escrito dende a conciencia feminista. Tería que chamarse Cóleras, xa que as mulleres sentían unha dupla indignación porque padecían unha dobre opresión.


LETRAS GALEGAS 2007 : MARÍA MARIÑO

  • AGRAFOXO, Xerardo. Biografía de María Mariño. Galaxia, 2007.
  • ALONSO, Fran. A vida secreta de María Mariño. Xerais, 2007
  • BLANCO, Carmen. María Mariño: vida e obra. Xerais, 2007
  • GARCÍA NEGRO, María Pilar. María Mariño no ronsel das escritoras galegas. Laiovento, 2007
  • MARIÑO DAVILA, Esperanza. “Diccionario” María Mariño. tresCtres, 2007
  • MARIÑO, María. Antoloxía poética. (Ed. de Patricia Arias Chachero). Galaxia, 2007
  • MARIÑO, María. Más allá del tiempo (o libro inédito de 1965). (Ed. de Helena González). Alvarellos, 2007
  • MARIÑO, María. Obra completa: Palabra no tempo. Verba que comenza. (Ed. de Victoria Sanjurjo Fernández). Xerais, 2006

TRADUCIÓN. COLECCIÓN AS LITERATAS

  • McCULLERS, Carson. A voda. Xerais, 2007

McCullers aborda o paralelismo entre as concepcións sociais estereotipadas sobre o xénero e a opresión dos negros. A novela enfatiza a crise traumática da protagonista adolescente producida pola confrontación dos perigos da feminidade. Ela síntese abanear entre a liberdade da infancia e a sexualidade rixidamente definida polos adultos á que se ve abocada. En A voda, o soño da androxinia aparece como a vía de escape dunha feminidade definida en termos restrictivos: sexualidade pasiva e submisa, e maternidade sacrificada que implica renuncia aos privilexios masculinos.

  • RHYS, Jean. Ancho mar de argazo. Xerais, 2007

As personaxes de Rhys abanean na confrontación entre unha intimidade desconcertada e o asoballamento do mundo, que mesmo pode conducir á tolemia. En Ancho mar de argazo a autora rescata á súa protagonista da obra de Charlotte Brönte. Jean Rhys crea un deslumbrante mundo ficcional e logra presentarnos unha das mási abraiantes e desgarradas personaxes femininas de todo o século, caracterizada dende a oposición de identidades (homes contra mulleres, negros contra brancos, Europa contra América, novos contra vellos, ricos contra pobres...).


OUTROS

  • MARCO, Aurora. Dicionario de mulleres galegas. A nosa terra, 2007

Esta obra recolle en case 2.000 entradas a historia de Galicia a través das mulleres que contribuíron á súa construción. Aurora Marco, a autora, diferencia este dicionario doutras publicacións na mesma liña xa que, no seu caso, “non é elitista, porque aparecen dende literatas a redeiras, palilleiras ou incluso soldadeiras medievais”. Co Dicionario de Mulleres Galegas pódese afondar na historia de mulleres como Maruja Mallo, artista republicana que non viu recoñecida a súa obra ata moito despois da guerra; María Casares, actriz coruñesa que se abriu paso na escena francesa ao exiliarse de España; ou Juana de Vega, escritora e presidenta da Asociación de Señoras coruñesa nos anos 50. Outras moitas mulleres representativas de Galicia teñen o seu sitio nas páxinas do dicionario de Aurora Marco. Non unicamente da escena artística e política, senón tamén mestras, periodistas, monxas...

  • Varios. O son das buguinas. Xerais, 2006 (relatos e DVD solidarios)

O son das buguinas é un libro e DVD solidarios promovidos por Implicadas/os no Desenvolvemento (IND), unha Organización Non Gobernamental (ONG) de voluntariado que actúa en Galicia para apoiar proxectos de desenvolvemento integral no sur da India e Etiopía. O proxecto O son das buguinas, xermolou como unha das respostas de IND ao tsunami do 26 de decembro de 2004 que provocou a morte de máis de 300.000 persoas na India e noutros países de Asia. IND realizou un chamamento solidario a diverso/as narradoras/es co obxecto de editar un libro solidario que axudase a reflexionar ao público xuvenil galego sobre as tráxicas consecuencias desta catástrofe. Froito daquel chamamento é O son das buguinas, un produto editorial conformado por un libro de sete relatos (ilustrado por Xulia Barros) e un DVD. O volume inclúe os relatos de Marilar Aleixandre, An Alfaya, Fran Alonso , Rosa Aneiros, Agustín Fernández Paz , María Reimóndez e Dolores Ruíz, ademais dunha introdución, titulada “O son das buguinas”. O DVD, que acompaña ao libro, preparado por Francisco Vila Barros, inclúe un documental sobre o labor de IND en India e Etiopía, unha película de animación sobre o labor das ONGs e as políticas de voluntariado e cooperación, un documental sobre o tsunami e un xogo interactivo sobre a cooperación.

 

© Copyright ALECRÍN 2003