Manifesto (2005)
Volver

MANIFESTO

CONTRA A EXPLOTACIÓN SEXUAL DAS MULLERES  

Tradicionalmente a prostitución foi definida como unha práctica feminina consistente en subministrar servizos sexuais a cambio de diñeiro. Sen embargo esta definición omite e invisilibiliza  aos actores principais do sistema prostitucional: prostituidores e proxenetas, sen os cales non habería mulleres en situación de prostitución.

DENUNCIAMOS:

     ·         Que a tolerancia e aceptación social verbo das prácticas masculinas de compra de servizos sexuais, equivale a fortalecer os privilexios masculinos e, por tanto, a ratificar modelos e relacións desiguais entre homes e mulleres.

  ·         Que a prostitución, en todos os casos ou circunstancias, representa un xeito extremo de explotación  e de violencia contra as mulleres e significa a nosa redución á condición de mercadorías ao servizo sexual dos homes.

  ·         Que a prostitución constitúe un negocio cada vez máis rendíbel e en expansión que se abastece dos corpos de mulleres e nenas que son postas en venda e en disposición de ser consumidas sexualmente polos homes.

  ·         Que os prostituidores provocan coa súa demanda a existencia dun mercado organizado de mulleres e nenas para a súa utilización como obxectos sexuais

  ·         Que o mercado prostitucional inclúe a todas as persoas e actividades, que dentro e fóra da legalidade, obteñen beneficios da explotación sexual das mulleres:  os provedores de espazos físicos como locais, pisos ou hoteis para o uso sexual das mulleres;  os  provedores de espazos publicitarios para a oferta de corpos femininos en xornais, revistas, e outros medios;  os traficantes de mulleres e nenas que forman parte das redes de control, vixilancia e estorsión de mulleres nos países de destino.

   

POR TODO ISO:

EXPRESAMOS  o noso rexeitamento a calquera política regulamentarista xa que isto equivale a lexitimar e normalizar o uso das mulleres como mercadoría sexual, e  

INSTAMOS AOS PODERES PÚBLICOS A:    

·         Reforzar as políticas de igualdade de oportunidades e a crear condicións  laborais que eviten que as mulleres sen recursos se vexan abocadas a formar parte da poboación prostituída.

·         Incrementar suficientemente os recursos destinados ao desmantelamento das redes de prostitución que operan no noso país con mulleres traficadas.

·         Establecer políticas específicas de integración e inserción laboral das mulleres inmigrantes e de protección e acollemento das mulleres traficadas.

·         Penalizar todas as modalidades de proxenetismo, con penas proporcionadas á gravidade das accións cometidas en cada unha delas.

·        Desalentar a demanda masculina, promovendo campañas que permitan modificar a percepción social do uso das mulleres como mercadoría sexual e obter un rexeitamento social xeneralizado contra os homes que usan os corpos das mulleres prostituídas para satisfacer as súas apetencias sexuais.

·        Elaborar  un código ético que disuada aos medios de comunicación de publicitar o consumo sexual de mulleres.

XUÑO de 2005

PLATAFORMA ESTATAL DE ORGANIZACIÓNS DE MULLERES

POLA ABOLICIÓN DA PROSTITUCIÓN

© Copyright ALECRÍN 2003