23 de Setembro
 
 
Volver
 
  A Conferencia Mundial "Organizándonos Rexional e Globalmente Contra a Explotación Sexual" celebrada en Bangladesh en xaneiro de 1999, organizada pola Coalición Contra o Tráfico de Mulleres, adoptou o 23 de setembro como o Día Contra a Prostitución,

Considerando que:

  • A prostitución só pode ser entendida como un gravísimo atentado á persoa, á súa dignidade, á súa liberdade individual e sexual.
  • A prostitución foi e segue a ser un comercio do corpo humano e representa un negocio, un mercado lucrativo do sexo que xenera unha ampla marxe de beneficios para quen o explota e supón á vez un risco mínimo.
  • A prostitución non é unha opción libre, senón unha opción forzada, froito das circunstancias, sendo estas, na inmensa maioría dos casos: a pobreza, a desigualdade, o abuso sexual na infancia, os malos tratos, a emigración, etc.


E suxerindo que se desenrolen actividades:

  • para esixir a criminalización de proxenetas, traficantes, chulos e clientes.
  • para solicitar que os gobernos nacionais garanten a igualdade de oportunidades á poboación feminina.
  • para requerir o cese á persecución de mulleres prostituídas.
  • para pedir que se implemente a atención directa á poboación afectada.



   A prostitución nada ten que ver coa liberdade nin coa capacidade de autodeterminación das mulleres, a prostitución e o tráfico de mulleres e nenas só favorece ao cliente - tamén chamado prostituidor, ese home invisible dignificado pola denominación cliente - que ten a liberdade de mercar o corpo de cantas mulleres e nenas desexe. Na prostitución os dereitos dos clientes-prostituidores son disfrazados como dereitos das mulleres.

   A loita pola desaparición da prostitución é a loita pola reivindicación dos dereitos fundamentais das mulleres. Concebir un mundo sen prostitución é concebir un mundo en igualdade, en paz, e destruír os vellos estereotipos de superioridade e de dominio.

 

© Copyright ALECRÍN 2003