8 de Marzo
 
 
Volver
 

  DIA INTERNACIONAL DA MULLER

    O dia 8 de MARZO celébrase en todo o mundo o DIA INTERNACIONAL DA MULLER, pero pocos libros de texto recollen esta data. A nosa historia adoita ser silenciada.


    Este día recórdase como o aniversario do martirio de 129 mulleres, carbonizadas na fábrica textil onde se pecharan con motivo dunha folga. Pero o orixe desta data, non responde a unha rebelión frustrada, senón a celebración dun triunfo que comenza coa "Insurreción das 20.000 mulleres" no East Side de New York.


    Todo comenza cando en novembro de 1908 convócase un mitin xeral no ramo da confección. Logo de varias horas de discusión e a intervención decisiva de Clara Lemlich, que propón unha folga xeral, mais de 20.000 obreiros - na súa maioría mulleres- paralizaron as fábricas o día seguinte. Mantiveron unha dura loita de trece semanas nas que sufriron despidos, fame, ataques dos crebafolgas e máis de 600 detencións: pero ó final triunfaron.


    As mulleres conqueriron aumento de salarios, reducción da xornada laboral e a afiliación de máis de 300 tendas no Sindicato da Confección. O cabo dalgunhas semanas convocouse unha manifestación. Contando coa presencia de sufraxistas, as traballadoras inmigradas elevaron as súas demandas por unhas mellores condicións de vida e de traballo, polo final do traballo dos menores e polo dereito ó voto. Era o 8 de Marzo de 1909.


    Inspirándose nestas accións, o Congreso Socialista Internacional da Muller (Copenhague, 1910), convocou un día de acción internacional esixindo o sufraxio universal femenino.


    O dia 8 de marzo de 1911, materialízase esta convocatoria e celébrase por primeira vez na historia o DIA INTERNACIONAL DA MULLER.


    Hoxe, o día 8 de marzo, é un dia internacional de loita e de solidariedade das mulleres, que seguimos loitando por acadar tódolos nosos dereitos.

© Copyright ALECRÍN 2003