Historia dos premios
 
 
Volver
 
 
 
Ano 1989 - I Edición

 

ALECRÍN

Ilma. Sra. Dna. Ana Mª Hernández Mora. Maxistrada da sala nº 1 da Maxistratura de Traballo de Vigo.

Premiouse a sentencia dictada por ela a favor das traballadoras de Copo Ibérica, facendo unha clara denuncia á discriminación da muller no traballo por razón de sexo. Concretamente por unha sentencia favorable dunha traballadora de Copo Ibérica, que pedía que lle aboasen o mesmo salario que ós seus compañeiros varóns.

 

ALACRÁN

Sala 2ª da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Nas persoas dos xuices Ilmos. Sres. Gustavo Troncoso Facorro, Rafael Martínez Sánchez e Salvador Fernández Sansilvestre, pola súa sentencia absolutoria en torno a unha violación, na que no seu contido decía, entre outras cousas que "sendo (a víctima) unha moza casada, ainda que separada e por elo con experiencia sexual, que mantén unha vida licenciosa e desordenada (...) atopándose soa nunha discoteca a altas horas da madrugada, despois de inxerir bebidas alcólicas (...) préstase a viaxar no vehículo duns descoñecidos facéndoo entre ambos no asento dianteiro, poñéndose asi en disposición de ser usada sexualmente". Unha vez máis reflexábase o desprecio absoluto á libertade das mulleres.

Ano 1990 - II Edición

 

ALECRÍN

Dna. María Xosé Queizán. Intelectual, escritora e feminista

Loitadora incansable polos dereitos da muller, xa que a principios dos anos setenta foi arredor dela, onde moitas mulleres uniron forzas para loitar en momentos e situacións puntuais. A traxectoria persoal de Mª Xosé Queizán sempre foi a par co seu feminismo, e entre as súas numerosas publicacións están: "A muller en Galicia" (primeiro libro de teoría feminista en galego), "Recuperemos as mans", "Eros e Tanatos", "O tapete de ganchillo", "Amantía", "A semellanza", "O segredo de Pedra Figueira", etc. Asimesmo, dirixe a revista "A festa da palabra silenciada".

 

ALACRÁN

Don. Luis Cuadrado Toto. Alcalde de Carballeda de Valdeorras, Ourense

Pola súa persoal loita para impedir o acceso das mulleres ó traballo en igualdade de condicións cos homes. Concretamente pola decisión de negar a posibilidade de concederlle unha praza de conserxe do Colexio Público ás mulleres, manifestando ó respecto que "teñen que asumir outras obrigas como as de parir e darlle o peito ó neno". Non quedando ahí a súa intervención, chegou a informar ó Pleno que entre os candidatos había un grupo de inútiles, "tolleitos e mulleres" e engadiu que prefería un home para este labor porque era "máis rentable".

Ano 1991 - III Edición

 

ALECRÍN

Colectivo de traballadoras da empresa textil Cortemáns, Vigo.

Pola súa rebelión ante a sobreexplotación e discriminación laboral que padecían nesta empresa hoxe desaparecida. Simbolizan a historia de todas aquelas mulleres que incorporadas ó proceso productivo en sectores "específicamente femininos", en condicións de sobreexplotación extrema e acoso sexual por parte dos patróns, negáronse a aceptalo como natural revelándose e tomando nas propias mans a defensa dos seus intereses.

 

ALACRÁN

Premio EXAEQUO por primeira vez. Os Sres.:
  - Agustín Arca, Concellal PSOE de Vigo.
  - Antonio Nieto Figueroa, alias "Leri" , Concellal PSOE de Vigo.
  - Alfonso Cabada , Xerente do Centro Residencial Docente de Vigo.

Os dous primeiros, concellales vigueses, polas súas manifestacións realizadas o 5 de abril do 1991 no pleno do Concello e que, según o xurado, "supuxeron unha aldraxe e trato vexatorio á condición da muller e ó seu dereito de acceder con dignidade a un posto de traballo".
Tales manifestacións saíron dun debate sobre o traballo feminino en servicios exteriores do Concello, fundamentalmente en Vías e Obras. Arca afirmou no Pleno que colocaba as mulleres que lles enviaban do INEM por "caridade cristiá", ó que "Leri" contestou que "si lle sobraban" as enviaran o Zoo de Vigo onde precisaban "señoras e señoritas" para solucionar a compañía e o problema sexual do mono "Paco".
O terceiro, Alfonso Cabada, por ser o responsable do regulamento interno dun Centro residencial docente, máis acorde coa Idade Media que cos tempos que corren. Este Regulamento, que sofrían cáseque catrocentas internas entre 15 e 21 anos, resultaba represivo, discriminatorio, e non democrático. E ademáis, estas mulleres eran continuamente sometidas a contestacións vexatorias por parte de dito xerente, como cando lles dicía que para o próximo curso non terían que desprazarse a Vigo "a lo que van" xa que a residencia sería mixta.

Ano 1992 - IV Edición

 

ALECRÍN

Dna. Isabel Gómez Romil. Nai e loitadora, As Pontes de García Rodríguez (A Coruña)

Pola súa actitude firme na defensa dos seus dereitos e os da súa filla ante actitudes licenciosas por parte dos funcionarios e da propia xustiza e frente a tendencias sociais de disculpa ante a violencia exercida contra as mulleres. Premiouse a actitude firme, teimuda e convencida na reclamación de xustiza e na defensa dun dereito; actitude difícil de asumir para moitas mulleres que se ven en situacións similares, e que debido a presións sociais, familiares ou por medo ó enfrontamento, case sempre longo, caro e complicado e con frecuencia humillante, optan polo camiño do abandono.

 

ALACRÁN

Dna. Marita Souto. Inspectora de Ensino en Ourense.

Por paralizar as sancións impostas polo Consello Escolar a un grupo de alumnos do Instituto de Bacharelato de Xinzo de Limia, por feitos probados e asumidos por estes, de agresións sexuais a unha alumna do Centro. Dona Marita Souto, actuando fora das súas competencias e asumindo funcións que correspondían só ó Delegado de Educación, tomou partido a favor duns pais que consideraban a agresión sexual como "chiquilladas" ou en todo caso, a reafirmación da masculinidade dos seus fillos, ordenando o levantamento das sancións.

Ano 1993 - V Edición

 

ALECRÍN

Secretaría da Muller do STEG (Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino Galego)

Polo seu labor dende a escola contra o sexismo en Galicia. Polos valores que reúne o seu traballo teimudo ó longo de moitos anos a prol dunha educación non sexista concretada na elaboración de unidades didácticas, textos, campañas, debates, conferencias e simposiums de grande repercusión e incidencia no mundo do ensino en Galicia.

 

ALACRÁN

Grupo de Empresa GKN, Indugasa, Vigo.

Concretándose na persoa do seu Presidente Manuel Fragueiro González, como responsable da edición e difusión dun calendario publicitario que reflexaba unha degradación e insulto inadmisible hacia as mulleres, considerándoas como mero obxecto sexual e de consumo. O texto do calendario comparaba a muller coa terra: "ós vinte anos é como África semi-inexplorada. Ós trinta é como a India, cálida, suntuosa, misteriosa. Ós 40 é como América, tecnicamente perfecta. Ós 50 é como China, moita cultura. Ós 60 é como Europa , moitos monumentos en ruinas. Ós 70 é como Siberia, que todos saben onde está pero ninguén quere ir".

Ano 1994 - VI Edición

 

ALECRÍN

Dna. Margarita Ledo Andión. Docente e Decana da Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago de Compostela.

Como recoñecemento de toda unha traxectoria de esforzo en calquera dos campos nos que se move (plataforma dunha importancia fundamental na formación cidadana): poesía, narrativa, cine, xornalismo, docencia, etc... xa que é un exemplo de vitalidade constructiva.
Primeiro como xornalista, e despois como formadora de xornalistas, sempre realizou un importante labor inculcando modos, formas, estilos... comprometidos coa democracia e igualdade de dereitos, particularmente na defensa da muller.

 

ALACRÁN

Dr. Costoya Piñeiro. Xinecólogo da Seguridade Social de Ferrol

Pola actitude mantida coas mulleres da súa consulta, reiteradamente denunciada ante o Servicio Galego de Saúde (SERGAS) por numerosas mulleres de Ferrol e comarca. Este xinecólogo, utilizando a posición de superioridade de médico diante da pacente -que en moitos casos vive situacións de timidez, vergoña, perda de intimidade e impotencia- móstrase cunha actitude de desprecio, ridiculización, descalificación e de clara misoxinia, impropia dun médico que ten como función resolver un problema de saúde.

Ano 1995 - VII Edición

 

ALECRÍN

Escola de Mulleres Simone de Beauvoir, Ferrol.

Premiouse o aspecto orixinal e demostrativo da incorporación de valores fundamentais como a solidariedade e a non discriminación. Esta "Escola" caracterízase por ser unha escola de mulleres para mulleres que buscan en todo momento a autoestima e a valoración como actitude personal ante unha sociedade que a minusvalora. Recoñeceuse toda unha traxectoria de esforzo en prol da igualdade da muller e a súa intervención feita dende unha ideoloxía e dende unha filosofía non androcéntrica, dende a identidade da muller.

 

ALACRÁN

Corporación Municipal do Concello de Samos (Lugo)

Para solucionar o problema demográfico do Concello, esta Corporación decidiu poñer en marcha unha caravana de mulleres co fin de que os 200 solteiros poideran mellorar a situación demográfica da comarca. Aínda que a organización dunha caravana de mulleres -como si de gando de feira se tratara- escápase á crítica da maioría social deste país, non se pode esquecer que, para maior gravidade, a Corporación Municipal era coñecedora do mercado de mulleres latinoamericanas que se viña dando no Concello.

Ano 1996 - VIII Edición

 

ALECRÍN

Club de Fútbol sala "0,7% XA" de Lugo

Tívose en conta a actitude positiva dos mozos integrantes deste equipo, que mantiveron unha postura xenerosa e solidaria de apoio á súa compañeira Marga Vázquez Rodríguez ante a actitude discriminatoria que supoñía a prohibición de non deixala participar na liga oficial por ser muller. O club recurriu ante os xuzgados esta decisión por considerala ilegal, sobre todo porque no reglamento de fútbol sala non se especificaba ningunha prohibición a que xogaran as mulleres. Premiouse o aspecto orixinal e demostrativo da incorporación de valores fundamentais na xuventude, como a solidariedade e a non discriminación por razón de sexo.

 

ALACRÁN

Cofradía de Pescadores "San Pedro" de Santa Uxía de Ribeira (A Coruña)

Concretándose na persoa do seu Patrón Maior D. Juan Pérez Martínez, pola actitude discriminatoria que supuxo o feito de non permitirlle ás mulleres realizar as tareas de marisqueo a flote. Ante a obrigatoriedade de revocar ese acordo discriminatorio e anticonstitucional nunha data límite imposta pola Consellería de Pesca, esta cofradía preferiu romper o acordo verbal que mantiña durante anos coa de Aguiño (que permitía marisquear en augas dun e doutro municipio), antes de deixar realizar esta actividade ás mulleres integrantes da cofradía de Aguiño.

Ano 1997 - IX Edición

 

ALECRÍN

Dna. María do Carmen Kruckemberg. Escritora e poeta.

Poeta pertenecente a xeración do cincoenta, que dende os catorce anos vennos deleitando coa súa obra poética e colaboracións habituais na prensa. Ademáis da súa obra literaria, tívose en conta o feito de que nunca foi suficentemente valorada e recoñecida pola sociedade intelectual galega masculina. Tamén valorouse a súa loita incansable por acadar a independencia e libertade persoal, nunha época na que calquera actitude que salise das normas establecidas e de obriga para mulleres, supoñía a censura e o enfrontamento coa sociedade. Todo un referente das mulleres libres.

 

ALACRÁN

Multinacional francesa de grandes almacéns Alcampo, S.A.

Pola distribución dun denso folleto publicitario, con ocasión das festas de Nadal e Reis, dirixido ás nenas e nenos, con empecinamento na perpetuación dos roles femininos e masculinos, tanto na forma como no contido. O catálogo publicitario ofrecía co título "Para las niñas" e en cor rosa, xoguetes para ser mamás, productos de beleza, etc. inculcándoselles así o mantemento de actitudes dóciles, pasivas e obedentes. Co título "Para los niños" e en cor azul, ofrecía monecos monstruo, guerreiros, artiluxios bélicos... perpetuándoos coma protagonistas activos, dominantes, violentos e sempre triunfadores.

Ano 1998 - X Edición

 

ALECRÍN

Dna. Marina Mayoral. Profesora da Universidade Complutense de Madrid e escritora.

Fundamentalmente tívose en conta non só a súa obra literaria ou o seu labor periodístico, por outra banda abundante, senón a súa preocupación pola literatura de mulleres. Dende a realización da súa tese de doutoramento sobre a obra de Rosalía de Castro, Marina Mayoral dirixiu a súa investigación cara o mundo feminino, estudiando fundamentalmente obras de autoría feminina e rescatando a obra de mulleres, senón esquecidas, si minusvaloradas no mundo literario dos homes.

 

ALACRÁN

Dn. Jaime Iglesias Fernández. Xefe da Policía Autonómica de Santiago.

Pola discriminación e desprecio exercida contra a axente de policía María José Pérez Pardo. Esta, despois de quedar embarazada, aportou un informe médico que aconsellaba apartala das labores de seguridade que tiña encomendadas e só conseguiu ser trasladada ó arquivo unha semana antes de coller a baixa. Ademáis, a partir da investigación que Alecrín fixo, chegouse o convencemento de que outras mulleres nesa mesma Policía Autonómica viviran situacións similares e que por medo a incompresións ou represalias non denunciaran.

Ano 1999 - XI Edición

 

ALECRÍN

Dna. Aurita González González. Presidenta da Asociación de mulleres Dorna de Vigo.

Galardoada como "Viguesa distinguida" polo Concello de Vigo, esta muller representa o traballo do movimento de mulleres en Vigo. Tívose en conta o seu compromiso solidario dende fai máis de vinte anos con tódolos movementos sociais da cidade, xa que colabora coa Asociación Madres en Acción, coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, e coa Asociación Meniños. Tamén participa co Colectivo El Imán en campañas de axuda ós enfermos de SIDA, forma parte do Consello Municipal da Muller e da Plataforma de Nais contra a droga. Destaca tamén a súa loita por conseguir, dende o ano 1977, que as mulleres do seu barrio de Coia poideran desenvolver a súa vida fora do mundo doméstico.

 

ALACRÁN

Dn. Armindo Iglesias. Cura Párroco da Parroquia de Vedra e Lestedo (A Coruña) .

Por utilizar a súa influencia como crego para manter e perpetuar a situación de sumisión das mulleres que sofren malos tratos, convencendoas para que non denuncien ou retiren as denuncias presentadas contra os seus agresores e por posicionarse ó lado dos maltratadores.
Don Armindo Iglesias representa a realidade dunha Igrexa "oficial" preocupada por manter e perpetuar a sumisión da muller a tódolos niveis, sexa sexual, procreativo, afectivo ou laboral.

Ano 2000 - XII Edición

 

ALECRÍN

Dna. Carmen Sarmiento. Periodista

Polo seu compromiso feminista coa denuncia e divulgación a través dos medios de comunicación da marxinación na que viven sometidas as mulleres, porque ningunha outra muller do estado chegou a tantos millóns de persoas para contar historias de mulleres, historias de escravitude e resistencia femeninas, de agresións, mutilacións e violacións ó corpo e aos dereitos das mulleres; pero tamén nos fala do seu heroísmo cotián, de actos cos que as mulleres rompen co victimismo e se opoñen ó poder patriarcal. Pola súa entereza e tesón na denuncia, no acto solidario e comprometido de non mirar para outro lado, pola dignidade e fondo sentir ético co que sempre se situou do lado dos colectivos máis desfavorecidos.

 

ALACRÁN

Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña

E como representante do mesmo ao seu Presidente Dn. Guillén Vidal Andreu, porque o desprecio ás mulleres víctimas de violencia se manifesta nas resolucións que dictan, buscando xustificacións insultantes para rebaixar a pena ós agresores de mulleres. Este Tribunal non viu ensañamento -e rebaixou a pena ós agresores- por exemplo, cando un home asestou 70 puñaladas a unha muller (esta sentencia foi anulada polo Tribunal Supremo) ; ou cando outro pateou, estrangulou e descuartizou a unha muller.

Ano 2001- XIII Edición

 

ALECRÍN

Dn. José Bono Martínez. Presidente de Castilla - La Mancha

Polo claro e rotundo posicionamento ó lado das mulleres maltratadas, ó adoptar a decisión de reproducir e publicar as sentencias xudiciais recaídas sobre agresores. Esta decisión levou á sociedade española a un debate necesario -por eludido- sobre este terrorismo real e cotián co que conviven milleiros de mulleres e que supón unha flagrante violación dos dereitos humanos. José Bono, representa un exemplo de como dende o poder político, os homes e mulleres que o detentan poden adoptar medidas xustas, legais e necesarias, lexislando para que esta lacra social sexa eliminada.

 

ALACRÁN

Dn. José Gea Escolano. Bispo da diócese galega Mondoñedo - Ferrol

Pola súa permanente belixerancia en contra dos dereitos fundamentais das mulleres. Exercicio en ningún caso frívolo, senón cargado de intención, exposta dende os púlpitos e dirixida a unha poboación confiada en que os valores que lle ofrece a relixión e a igrexa constitúen por si valores e exemplos positivos que deben ser reproducidos. Sirvan como exemplo da súa belixerancia os seguintes posicionamentos:
- Acerca da violación de relixosas e monxas por relixosos, monseñor Gea Escolano recomenda resignación ás violadas e comprensión para os delinquintes, así como lavar o problema dentro da igrexa e ó marxe das leis civis.
- Acerca da autorización da pílula do día despois, manipula os seus efectos tratándoa como abortiva e mostra a súa preocupación pola libertade que as mulleres poidan ter para decidir por si mesmas.
- En relación ó aborto, Monseñor Gea Escolano propón crear un partido político católico e antiabortista, para que cos seus votos poidan conquerir maiorías.
- Acerca da homoxesualidade, considera que as/os homosexuais non deben ser obxecto de actitudes discriminatorias, pero outra cousa é permitir que "se unan" ou adquiran os mesmos dereitos que as parellas bisexuais, pois considera que padecen "un defecto natural", "unha desviación humana que debe correxirse".

Ano 2002 - XIV Edición

 

ALECRÍN

Dna. Emma Bonino. Deputada Europea polo partido Radical Transnacional, de Italia

Pola actitude clara, firme e exemplarizante que, aproveitando o espacio que lle proporciona a súa posición política como parlamentaria europea, en todo momento se sitúa ao frente da xusta loita polos dereitos das mulleres máis desfavorecidas do mundo. No año 1996 foi a primeira deputada en denunciar as accións do réxime talibán contra as mulleres, cando a Comisión Europea consideraba a aberración afgana coma un mal menor. Púxose ao frente da campaña internacional "Unha flor para as mulleres de Kabul" (8 de marzo de 1998) facendo un chamamento á comunidade internacional en demanda de apoio para as mulleres afganas.

Activista contra a pena capital presentou en España a campaña: "Detén a pena de morte a través de Internet" (ano 2002). Ao frente da loita contra a mutilación xenital feminina, a instancias dela celebrouse a campaña: "Día Internacional contra as Mutilación Xenitais Femininas" (ano 2000). Foi unha das primeiras dirixentes políticas europeas que defendeu e exerceu o dereito das mulleres ao aborto (ano 1971). Cofundadora da "Asociación Alimentación e Desarme Internacional". Foi líder do foro "Os pobres non se alimentan de teorías"… ducias e ducias de campañas, de acción, de compromisos, de batallas; Enma Bonino representa a nova loita global polos dereitos humanos, e fundamentalmente, polos dereitos das mulleres en todo o mundo.

 

ALACRÁN

Asociación Nacional de Empresarios de Locales de Alterne "ANELA"

E como representante do mesmo, no seu presidente D. Pablo Mayo. Por representar na súa esencia e obxectivos un dos máis claros exponentes da negación dos dereitos humanos e da violencia contra as mulleres e nenas: a prostitución.   

Esta  agrupación - legalmente constituída diante dos organismos competentes do Estado baixo a denominación de asociación empresarial - desenrola un negocio de promoción da prostitución a nivel estatal, constituíndo a fórmula máis cínica de esclavización das mulleres, enmascarando a maior rede de proxenetas e traficantes de España e presentándose diante da opinión pública, dos medios de comunicación  e dalgúns representantes de institucións como a "nova xeración de empresarios". Esta rede de explotación de mulleres funciona como unha perfecta organización mafiosa que move millóns de euros, e que multiplica día a día a súa oferta, presentando un "producto de calidade", e outorgando aos seus asociados a  "placa-sello de calidad Anela", como un compromiso de “calidade e seriedade” cos clientes-prostituidores.

Ano 2003 - XV Edición

 

ALECRÍN

Dna. Cristina del Valle. Cantante

Pola súa firme defensa dos dereitos das humanas e o seu firme compromiso coa denuncia dos malos tratos ás mulleres, adicándolle unha parte importante do seu tempo. Tívose en conta o seu persoal compromiso e empeño en crear a Plataforma de Mulleres Artistas contra a Violencia de Xénero que conta na actualidade con perto de 200 artistas, conquerindo que as súas voces se escoiten máis forte e teñan eco nos medios de comunicación.

No ano 1978 e ata 1990 colabora con diferentes organizacións e grupos de Dereitos Humanos. En 1990 forma o dúo musical "Amistades peligrosas". No ano 2000 crea a Plataforma de Artistas contra a violencia de xénero, coa intención de que como mulleres populares e coñecidas sirvan como altofalante e denuncia dos malos tratos ás mulleres. No ano 2002, compareceu en diferentes ocasións no Senado na Comisión mixta contra a violencia como integrante da Plataforma de Artistas  contra a Violencia de Xénero. Foi  codirectora do programa de radio en Onda Cero “Palabras de Mujer”. Ó longo de estos anos, mantén unha constante actividade compartindo as súas experiencias e impartindo conferencias e encontros contra a violencia de xénero. En xaneiro deste ano viaxou a Tinduf con máis de 100 persoas entre escritoras, cantantes e actrices, percorrendo cos medios de comunicación os campamentos de refuxiadas/os,  realizando encontros e concertos. En febreiro partiu para Bagdag para decir non á guerra, e entre as súas actividades en ese país destacan a celebración de un concerto pola Paz entre artistas iraquíes e españolas e o encontro coa Federación de Mulleres Iraquíes. Polo seu traballo en prol dos dereitos das mulleres e a súa loita contra a violencia de xénero fóronlle concedidos diferentes premios cabendo destacar: premio Meridiano, premio Madame Bóbary, premio Pura Tomás, premio Mujer en Lila, premio Comadre de Oro, premio Clara Campoamor, premio Racimo, premio Rosa Manzano etc.

 

ALACRÁN

Dona Miryam Tey. Directora do "Instituto de la Mujer"

Polo seu empecinamento en manterse ó frente desta respetabilísima Institución  (que ten como fin único loitar contra  as discriminacións nas que viven as mulleres), a sabendas de que a súa continuidade supón o cuestionamento de tódalas actividades que nun futuro esa institución promova. Mirian Tey, animou, apoiou e promoveu a publicación do libro “Todas putas”, esquencéndose do posto que ocupa e da institución que representa dándolle prioridade os seus intereses económicos a través da  Editorial da que é socia. A Directora do “Instituto de la Mujer”, obviou a petición das organizacións  feministas de España e Europa que piden a súa dimisión ó frente dunha  institución  que tanto nos costou conquerir a todas as mulleres.

Ano 2004 - XVI Edición

 

ALECRÍN

D. Miguel A. Lorente Acosta. Médico forense e director do Instituto de Medicina Legal de Granada.

Pola súa dedicación dende fai anos ó estudio da violencia de xénero.

Participou como experto en diferentes Comisións sobre violencia de xénero e prostitución no Congreso e no Senado. Levou a cabo, entre outros, traballos como: Síndrome de la Agresión a la Mujer; Agresión a la Mujer: maltrato, violación y acoso, e publicou libros como: Mi marido me pega lo normal; El rompecabezas. Na designación de Miguel Lorente Acosta tívose en conta o feito de ter sido pionero no estudio da agresión á muller e ter asumido o compromiso firme de mostrarnos e denunciar a brutal normalización da violencia contra as mulleres a partir dos seus indispensables traballos.

 

ALACRÁN

Conferencia Episcopal Española

Na persoa do seu Presidente o Cardenal Antonio Mª. Rouco Varela polas graves declaracións e enconado posicionamento ideolóxico dos bispos ó longo dos diferentes documentos desta Asamblea Plenaria, afirmando que a violencia contra as mulleres, os abusos sexuais ou a homosexualidade son fruto da revolución sexual. Nesta designación tívose en conta que ainda falta o día que a igrexa española se posicione de xeito claro e directo condenando a violencia contra as mulleres, os abusos sexuais, a prostitución, o tráfico infantil. Asimesmo que ó longo dos séculos a súa estructura de organización xerárquica masculina segue a manter as desigualdades entre homes e mulleres a favor do patriarcado, favorecendo e contribuíndo dende os seus documentos, declaracións, púlpitos e confesionarios ós pilares da violencia contra as mulleres e nenas, exculpando ós que a exercen. En relación ás manifestacións que fai dos abusos sexuais e da homosexualidade aconsellámoslle mire dentro da súa casa antes de facer ningún tipo de recomendación.

Ano 2005 - XVII Edición

 

ALECRÍN

 

Asociación "Nuestras Hijas de Regreso a Casa", personalizada na súa fundadora a profesora Marisela Ortiz Rivera

Polo seu labor e compromiso non eximido de perigos para a súa propia vida, denunciando o femicidio de Ciudad Juarez (México)

MARISELA ORTIZ a partires do asasiñato da súa alumna Lilia Alejandra García Andrade, iniciciou un camiño de accións presentando infindas denuncias, todas elas sen resposta. Co apoio de Norma Andrade, nai da súa alumna, e de outras familias en idénticas circunstancias, crea no ano 2001 a asociación  NUESTRAS HIJAS DE REGRESO A CASA, unha organización enfocada a denunciar en México e en todo o mundo o femicidio de Ciudad Juárez e a complicidade das autoridades, dispostas a silenciar os feitos tratándoos como violencia común e sen recoñecerse unha violencia específica de xénero, donde nos derradeiros once anos teñen sido secuestradas e asasiñadas perto de 400 mulleres, moitas delas logo de telas mantido en cautividade e submetidas a todo tipo de violencia sexual antes de matalas e abandonar os seus cadáveres. Outras moitas -fálase dunha cifra arredor das 600- están desaparecidas. De todos estes asasiñatos, nin un só foi aclarado.

Marisela Ortiz conqueriu dende a plataforma NUESTRAS HIJAS DE REGRESO A CASA que os centos de familias afectadas pola desaparición e asasiñato das súas fillas se uniran na búsquda e denuncia, así como no logro da visualización internacional do femicidio de Ciudad Juárez, esixindo ao Goberno mexicano o esclarecemento dos crimes. A presión exercida diante do Goberno mexicano abrigounos a accións cara a resolver as mortes, momeando unha “Fiscal Especial para a atención de delitos relacionados con homicidios de mulleres” e unha “Comisión para previr e erradicar a violencia contra as mulleres de Ciudad Juárez”.

 

 

ALACRÁN

Goberno Municipal do Concello de Porqueira (Ourense) 

Pola complicidade expresada co proxenetismo e a promoción da prostitución ao procurar activamente dos “clubs de alterne” da zona a colaboración económica e o patrocinio das actividades cultuarais do concello.

Na designación tívose en conta o feito de que que unha Administración Pública se sitúe ao frente do lavado de cara do proxenetismo e do máis turbio que este representa, esquencendo a situación de milleiros de mulleres pobres e traficadas, abocadas e obrigadas á prostitución, da que se benefician estos benefactores. O goberno municipal de Porquería está a lexitimar as relacións de subordinación entre homes e mulleres e coa súa colaboración trivializa o rapto, o engano e a trata de mulleres e nenas en situación de pobreza que son quenes suministran o mercado prostitucional. O goberno municipal de Porquería é coñecedor de que os seus colaboradores financieiros teñen procedementos xudiciais pendentes por denuncias de mulleres que pudieron ser rescatadas  do seu cautiverio e que actualmente están protexidas. O goberno municipal de Porquería -facendo desprecio dos dereitos humanos, esquencendose das mulleres  traficadas e pobres que se ven abocadas e obrigadas á prostitución, desentendendose da lei e de procedementos xudiciais pendentes de resolución e facendo desprecio mesmo da cultura- busca a colaboración do proxenetismo cotidianizando e normalizando a prostitución como un feito aceitable e ata unha vía de saída social e económica para as mulleres e xoves

© Copyright ALECRÍN 2003